This publication is written in Galician language
Carmen G. Sotelo (coordinadora) e Graciela Ramilo Fernández
A rexión atlántica de Europa occidental posúe as costas e mares máis produtivos do mundo, polo que o sector da pesca e da acuicultura constitúen o seu principal motor económico. Como mostra, Galicia, que conta con 1200 Km de costa que a fan a principal rexión produtora de moluscos de España e Europa, na que se atopan os principais portos pesqueiros europeos, e onde a taxa de emprego nos sectores da pesca artesanal e o marisqueo polo tanto, é moi salientable.
A fraude nos produtos da pesca, a máis alta entre todos os grupos de alimentos, supón un risco para a actividade económica das rexións da área Atlántica, ademais das consecuencias que pode ter na saúde dos consumidores e na conservación das especies. A repercusión desta fraude implica unha perda de confianza dos consumidores na industria alimentaria e nas medidas de control das autoridades correspondentes, así coma uns custes económicos, sociais e ambientais non desexables.
Por isto xurde “SEATRACES, ferramentas intelixentes de rastrexabilidade e etiquetado para unha produción pesqueira sostible”, un proxecto de investigación científica que pretende poñer a disposición das autoridades de control as ferramentas precisas para acadar unha mellor rastrexabilidade e etiquetado dos produtos do mar. Despois de “Labelfish”, proxecto tamén coordinado polo Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas), únense de novo grazas ao financiamento do programa da Unión Europea “Interreg Espacio Atlántico”, centros de investigación e tecnolóxicos, universidades, organismos e laboratorios de control oficial, empresas do sector do cultivo de bivalvos, así como o propio Consello Regulador do Mexillón de Galicia, dos países que forman o consorcio: Portugal, Francia, Alemaña, Irlanda, Reino Unido e España.
SEATRACES ten coma obxectivo amosar a tódalas partes da cadea de produción –dende os produtores primarios ata o consumidor final–, os beneficios, non só económicos, que implica a mellora dos sistemas de rastrexabilidade e etiquetado, esenciais para protexer e valorizar os recursos da pesca e da acuicultura da Área Atlántica. Mellorar a percepción que teñen os consumidores dos produtos producidos localmente mediante un etiquetado máis comprensible que estableza un vínculo entre o consumidor e o produtor, é unha misión fundamental deste proxecto.
As grandes liñas de actuación de SEATRACES son o deseño de métodos estandarizados de identificación de especies pesqueiras, validados tanto a nivel interno coma externo, que contribúan ao control do etiquetado. Estes métodos quedarán a disposición dos laboratorios de control oficial a través dunha Plataforma Virtual Europea de autenticación de especies, que contribuirá a reforzar as normativas e controis europeos ao respecto. Tamén se deseñarán ferramentas que permitan distinguir o método de produción do peixe (salvaxe ou de acuicultura), a área de captura, se o peixe é fresco ou foi conxelado e desconxelado para a súa venda, etc. No caso concreto dos mexillóns, deseñarase unha metodoloxía analítica para distinguir e poñer en valor a súa orixe xeográfica, de xeito que non só se poida distinguir Mytilus galloprovincialis –especie característica e moi valorada da Área Atlántica– doutras especies distintas, senón tamén que se poida diferenciar o mexillón que proceda doutras áreas xeográficas.
Os consumidores son unha parte fundamental na cadea de valor dos produtos da pesca. No marco de SEATRACES, realizaranse estudos de consumidores, nos que valéndose de enquisas, analizarase se as súas preferencias decántanse por produtos aos que se lles pode seguir o rastro na cadea de produción, ou se son outros criterios, coma o prezo, os que determinan a elección na compra.
Por outra banda, estudaranse casos como o etiquetado “PescadeRías”, a Denominación de Orixe Protexida “Mexillón de Galicia” ou a certificación MSC na marca “Anchoas del Cantábrico”, co obxectivo de avaliar se a identificación da orixe xeográfica das especies, pode engadir valor aos produtos pesqueiros.
A difusión a distintos niveis –académico, de público xeral ou na industria– será moi importante durante toda a execución do proxecto, que se estenderá ata o ano 2020. A organización dun Congreso Internacional, xornadas formativas nas localidades do consorcio, a elaboración de vídeos temáticos, a páxina web do proxecto (www.seatraces.eu) ou as redes sociais (@seatracesproject en Facebook, e @SeaTraces en Twitter), permitirán facer un seguimento das activid